martes, 31 de mayo de 2011

CollageTexto4


Dous dadaístas desarticulados
de diástole daguerrotípica
defecadores de defectos deglutidos
descompostos
desmesurados de dandismo.

Dadaístas defensores de defenestras
de deflagrantes dedos 
dexenerados
deformados 
e diptongados
de disparos displicentes
de disquisicións,
disonantes de diplomacia.

Dadaístas duralex
de distraccións distorsionadas.

Maya Deren

lunes, 30 de mayo de 2011

O estado mental da cafeína (poesía espontánea)20

20."O longo e estraño idilio dos reporteiros profilácticos"
Nota: Os reporteiros profilácticos aparecen por vez primeira (no blogue) nun título da etiqueta referida as Imaxes peculiares tituladas, a número catro. Escrito en dúas tandas, entre Ourense e Santiago.

(El) Pasar horas enteiras enumerando os teus nomes e rematar nos puntos suspensivos; unha noite calma ó peche da redacción.

(Ela) A beleza cóncava e a impermeabilidade da túa voz ese día provocáronme unha humidade sosegada, derretida de misterio e adxectivos.

(El) O silencio medrou máis dun metro no remate do día; e comezou a afogarme deixando eu de ser elástico; esquecendo como era que se titulaban os dramáticos sucesos.

(Ela) A cor histérica da foto da portada oprimiu os meus ollos no mediodía seguinte. Pola tarde, emborracheime de inseguridades de viño e rematei berrando que o futuro se me escapara nun colibrí.

(El) Na noite de onte só había sombras eléctricas que tiñan pulmóns que nos insuflaban viño quente e apresurado. Non miraríamos xuntos o xornal.

(Ela) Un silencio saiu dos teus petos pegándose como goma de mascar nunha porción do meu vestido, que minutos máis tarde me contaxaría unha ausencia de palabras que me afogarían a voz durante 36 horas.

(El) Ferven cristais no meu estómago pero a mirada de vidro dos ollos teus consinte unha tregua pola tarde. Atopamos un titular axeitado para explicarnos, mornamente.

(Ela) De camiño ó traballo, unha auga abstracta cae sobre a miña cabeza. Por dentro choro penas e estorniños agridoces. Logo, chegan as premuras brandas nun párrafo e boto maldicións.

(El) Botei de menos Moscú sen estar nunca e entón unha certeza de cheiro oxidado abriu o meu estómago vomitando estranos futuros que caeron ós meus pés de vulgar tipografía.

(Ela) Tres oitavas e media de voz para facer ver unha obviedade. Empregar unha frase típica e silenciosa tal vez era a mellor solución; a menos desastrosa.

(El) Palabras sinxelas e silenciosas para conciencias difusas. Electrocutarse no obvio.
Paraugas no deserto...

lunes, 23 de mayo de 2011

Collage 9

Imaxes Peculiares Tituladas 16

"El extravagante suicidio del idealista"
"Suicidio artístico-objetual ó Por amor al arte"
"Metafísica del equilibrio"
"La apuesta del vendedor de muebles"
"Conquistando a Julia y a la gravedad"

sábado, 21 de mayo de 2011

Lucille Ball and Orson Welles 1956

AsNovelas+Breves...(29,30)

(29) Perdida na súa propia sutileza, a liña recta sucumbe no seu propio concepto deixándose de ambicións.

(30) O arquitecto atopa certa tranquilidade no simétrico. A deseñadora de escaparates conclúe que o seu estilo camiña pola asimetría. Entre os dous xorde unha historia de incerta estrutura, que, por suposto, non é do agrado de ningún e que rematará nun estilo racional, dada a situación.

miércoles, 18 de mayo de 2011

Imaxes Peculiares Tituladas 15

"Veranos fugaces ó El aburrimiento del jubilado"
"Simulacros de Superman"
"La motorizada línea de fuga"
"Viguésima entrada del Diccionario de consejos para no hacerse pupa"

O estado mental da cafeína (poesía espontánea)19

19. Máis extractos do caderno azul de Íñigo Malandanza.

Tras dous meses de cafeínas
a miña alma causou frío no cerebro
comezando este a ruxir como un vello motor de neveira

deste xeito o meu cerebro permanece derrotado
escaso nas cuestións fundamentais
referidas agora a unha muller zurda e burocrática.

...

A muller zurda e burocrática negoume
fai unhos días
incluso o abrazo
argumentando que non quería xestos que se convertiran en abstraccións
e que ela nada tiña que facer cun simulador de palabras

mais a pesar de todo
emprego tiritas negras
na boca e nos ollos
para que non fuxa a luz do seu recordo.

sábado, 14 de mayo de 2011

CollageTexto3


Trapecista 
tibia traxeada de traxedias todavía tendida nun tendal.

miércoles, 11 de mayo de 2011

O estado mental da cafeína (poesía espontánea)18

 18. Extractos inéditos do caderno azul de Íñigo Malandanza, impenitente tomador de café e autor do libro "Chuvia borrando unha escaleira".

Cando falaba aquela muller metálica
todo morría
incluso as palabras trascendentais
os xestos repetidos de tragacadelas
o vento que volve e vai da porta da cafetería
mesmo o seu alento de aceiro
todo repetía

Mais nun segundo
un ánimo escaso virou con estridencia pulmonar
e as palabras
entonadas baixo dunha música xadeante
tornaron nun certo ritmo
a través do cal puiden internarme para
finalmente
descubrir unha marabunta de cafeínas do Brasil
que non me deixaron durmir en dous meses

Imaxes Peculiares Tituladas 14

"Aquella violencia de tus besos suicidas"
"La última voluntad del maquinista"
"El descarrilamiento de los sentidos"
"La imposibilidad del tercer matrimonio"
Fantômas (1913, dir. Louis Feuillade)

viernes, 6 de mayo de 2011

El increíble hombre menguante (film1957)

AsNovelas+Breves...(27,28)

(27) O artista do concepto adícase a medir o pensamento pero un día cansa de pensar e pensando en non pensar bota unha quiniela, deixándose atrapar para sempre no azar e no devir.

(28) O político, como tantos outros políticos só dicía o que a xente quería oir. Na casa, os políticos, como tantos outros políticos, xa non eran capaces de facer outra cousa e os matrimonios se reducían, no mellor dos casos, a dúas lexislaturas.

miércoles, 4 de mayo de 2011

Más imágenes tituladas...

"La exagerada dualidad de las hermanas Hyde"
"Se ofrecen chicas ambivalentes"
"La otra, la una y la mitad"
"Disyuntivas de hoy, de ayer y de siempre"

O estado mental da cafeína (poesía espontánea)17

17. Novo exercicio empregando as primeiras palabras (que subraio) de cada título da entrada anterior (ver a número 16) para compoñer un poema, collendo as palabras de abaixo a arriba.  Sí, confeso que sempre me gustaron os do grupo Oulipo (acrónimo de «Ouvroir de littérature potentielle», traducido como "Taller de literatura potencial" que eran franceses principalmente, tales como George Perec, Raymond Queneau, Marcel Duchamp, e outros moitos) aí vai:
 

Un abstracto vidro apático
traslucía un verán de atardeceres na sabana

Mentres, unha cebra cruzaba un río burocrático
e as túas bágoas conquistaban extraterrestres performáticos de virulentas linguaxes.

lunes, 2 de mayo de 2011

Collage8

O estado mental da cafeína (poesía espontánea)16

16. (Hoxe, un simple exercicio literario, rápido e sen miramentos, de títulos engarzados escrito en Santiago mentres un cafeciño, por suposto, como en toda esta serie de literaturas espontáneas e incertas... )

- Linguaxes do teu ollo esquerdo, abstracto e virulento
- Virulento estado dun home performático
- Performático retrato dun extraterrestre
- Extraterrestre empeño de conquista
- Conquista das túas excelsas bágoas
- Bágoas inmensamente burocráticas
- Burocráticas danzas dunha sardiña de río
- Río cruzando un paso de cebra
- Cebra triste sobre a sabana
- Sabana entornando ollos de atardeceres
- Atardeceres impenitentes de verán
- Verán de posibilidades apáticas
- Apáticas penurias do artista soplador de vidro
- Vidro virulento no teu ollo abstracto
- Abstracto consumidor de virulentas linguaxes

Miroslav Tichy... (in memorian)

AsNovelas+Breves...(25,26)

(25) De novo, Íñigo Malandanza, namórase equivocadamente, e máis suspiros pasan a engrosar a súa lista de agonías amorosas co que, ademáis, terá novo material para escribir máis poemas de amor desesperado que algún día recopilará nun voluminoso libro que titulará "Os insostibles amoríos dun home envolto en celofán".

(26) A gota de auga detense no borde da folla aquela unhos segundos, durante os cales, semella retroceder. Finalmente precipítase ó río e alí dilúeselle a conciencia.